luns, 14 de setembro de 2015

De poeta a poeta

Son moitas as coincidencias entre Manuel María e outro lucense ao que se lle adicaron recentemente as Letras Galegas, Xosé María Díaz Castro. O poeta de Outeiro de Rei compúxolle ao guitiricense este soneto co gallo do XXV cabodano da publicación de Nimbos e máis tarde incluíuse, xunto con outras composicións, á versión definitiva de Terra Chá, décadas despois da primeira edición:

A Xosé María Díaz Castro

Xosé María Díaz Castro dos Vilares:
co corazón aberto cara á vida
escoito a túa voz estremecida
por altos, misteriosos ensoñares.

A túa mensaxe, senlleira e acendida,
feita de abidueiras, nimbos e luares,
renunciaciós, lembranzas e pesares:
¡é colleita de amor, fonda ferida!

¡Ouh palabra total; raigaña escura;
terra humana, carnal e namorada;
marabillosa luz; verdade amarga...!

Ti eres a voz de nós, sagrada e pura;
a fala de Galiza eternizada:
¡carballo da Terra Chá, rocha de Parga!

Terra Chá (1954)

Ningún comentario:

Publicar un comentario