mércores, 28 de outubro de 2015

Entrega

Andei a esculcar, ano tras ano,
con atento e delicado ouvido,
a voz de cada ser ou cada cousa:
o cintilante sorriso do orballo,
a sinfonía do día baixo a luz,
a palabra sacramental dos ríos,
a cifrada mensaxe das estrelas,
os latexos da noite,
o sutil pestanexar da rosa,
o rumor das nubes camiñantes,
o doce fluír do noso sangue,
a animación de todo o inanimado.
E podo afirmar coa boca chea:
paisaxes, cousas e animais
falan galego.
                      Só en galego
se pode comprender e posuír
en total plenitude esta terra.

Oráculos para cavaliños  do demo (1986)

Ningún comentario:

Publicar un comentario