luns, 15 de febreiro de 2016

Mencer de solpores

O noso amor é mencer, tamén solpor,
escuridade da noite e luz do día,
luceiro escintilante que nos guía
a un universo senlleiro e tentador.

Non é soidade o amor, melancolía,
brillante, sobrehumano resplandor:
¡é berro fondo, calado, aterrador
que, urxentemente, esixe compañía!

O verdadeiro amor sempre é mencer,
claridade que nace porque si
na imprecisión total do noso ser.

Non teño outro desexo, máis querer,
que vivir, miña amiga, perto de ti
e, ao teu lado, soñar e envellecer.

Poemas da labarada estremecida (1981)

Ningún comentario:

Publicar un comentario