venres, 26 de febreiro de 2016

Oficio a un Melro

Eu comunícolle a vostede, Señor Melro,
que anda a cantar tan ben no silveiral:
a súa canción, souril e vella,
pon unha arela de luz no meu sentir.
É como se en min nacera algún milagre
ou unha roseira inefábel me apampara
deixándome estantío.
É como se unha voz de anxo, tan acesa,
puxera no corazón tal señardade.
Pero eu comunícolle a vostede, Señor Melro,
que non lle diga a ninguén o seu cantar.
Vostede non ten licencia da Academia
e non se pode cantar sen máis nin máis.

Documentos persoais (1958)

Ningún comentario:

Publicar un comentario