venres, 11 de marzo de 2016

Corazón dourado

Eu nacín en Outono cando o sol
é colleita total madurecida,
plenitude cabal e ben cumprida,
frorecido ronsel, morno remol.

En Outono a vida é doce e mol,
esperanza longamente presentida,
madurez xenerosa conquerida
na loita da semente por ser frol.

Eu nacín en Outono cando o mundo
é un froito dourado e en sazón,
un soño melancólico profundo.

Para ti é, Outono, esta canción
que a min me deixou no corazón
un misterioso vento vagamundo.

Poemas ao Outono (1977)

Ningún comentario:

Publicar un comentario