xoves, 19 de maio de 2016

A terra irmá

Aprendín no alfabeto das nubes vagabundas,
no verdor dos prados,
nas olladas melancólicas das xentes,
que a Bretaña é unha patria,
unha terra que vive e latexa baixo a dor,
que linda coa tristura,
coa desesperanza, co non ser e a carraxe.
Os meus ollos ollaron campos verdes,
toxos resignados,
xestas da cor da mágoa,
castiñeiros en diálogo co vento,
piñeiros erguidos como lanzas inúteis
en loita continuada contra a choiva,
carballos señardosos con saudade
das canciós dos bardos lexendarios
que cantaban aos heroes baixo a lúa
mentres a cor vermella do sangue
tinxía os fuscos ceos
e as meixelas acesas das rapazas en flor.
Entón o vento paraba para escoitar
e o mar estaba caladiño
e gravaba fidelmente na lembranza
luminosa e benfeitora como o sol [...]

Laio e clamor pola Bretaña (1973)

Ningún comentario:

Publicar un comentario