xoves, 5 de maio de 2016

Ais e lendas de amantes

Torre Penela, Quirogas e Lamelas,
baixo o sol pasado doutros días,
encheron todo o Val de fidalguías,
cabalgadas, cazatas, rondas, velas.

Remataron, para sempre, retesías,
as donas remilgosas, as doncelas,
os requintados xogos, as arelas
ateigadas de ensoño e fantasías.

Pro queda esborrallada, anque de pé,
desafiando ventos, neves, vendavais,
unha torre que foi máis que non é.

E permanece o amor, os tristes ais,
símbolo de paixón e máis de fe,
da lenda dos amantes de As Novais.

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

Ningún comentario:

Publicar un comentario