martes, 3 de maio de 2016

Espazos compartidos

Na compaña de Saleta eu descubrín
a música destes ríos, destas fontes,
as curvas femininas destes montes
e as lonxanías azuis case sen fin.

Con lentitude e sorpresa aprendín
a ler en nubes, néboas, horizontes
e recobrar o tempo, os propios ontes
que, mesmo sen sabelo, ían en min.

E non tiven, entón, ningunha duda.
Era a mesma paisaxe, igual historia:
¡paganismo do Sil, Crismón da Ermida...!

Foi unha revelación fonda e aguda:
¡un anaco de vida xa vivida
que eu levaba gardada na memoria!

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

Ningún comentario:

Publicar un comentario