domingo, 19 de xuño de 2016

O cego e os romances

Aínda que este ano se reeditou unha boa parte da obra de Manuel María, e mesmo saíron do prelo libros seus por primeira vez, non toda a súa produción está recollida, e irá medrando aínda con composicións que irán aparecendo aos poucos; proba disto son os poemiñas relacionados coa Fonsagrada que Xosé Estévez fixo públicos onte no diario lucense "El Progreso". Aquí queda o que dedicou a un dos cantador de romances de cego máis coñecidos:

Homenaxe a Florencio da Fontaneira

Florencio da Fontaneira,
flor de romance e cantar,
¡andiveche festa e feira
coa túa canción popular!

A túa zanfoña sabía
de picardías e amores
pois tiña a sabiduría
herdada dos trovadores.

Foi ben pesada a túa cruz
¡era a túa perdida ollada,
cos seus olliños sen luz,
como unha noite pechada!

Pero ti podías sentir
con fondura e emoción,
¡e ollabas, así, xurdir
como un milagre, a canción!

E a canción é un paxaro,
encantado e prodixioso,
¡que anda buscando amparo
nun corazón xeneroso!

En correspondencia a Xosé Estévez, 1990
(publicado en "El Progreso, o 18/6/2016)

Ningún comentario:

Publicar un comentario