domingo, 3 de xullo de 2016

Somos mar

O poeta da chaira era un home de terra, en moitos sentidos, mais por iso non deixaba de ver o mar como un dos fundamentos do pobo galego:

O mar

Nós somos mar. Estamos rodeados,
cinguidos polo mar. As nubes
teñen a mesma cor das ondas
e resulta difícil distinguir
a onda da nube e da gaivota.
O mar chega ao corazón da terra
para escoitar o sue latexo escuro
e poderoso. O mar, o mar penetra,
fura a terra con toda a súa
forza natural, vital e varonil
para facela fecunda e florecida.
Estamos na ribeira. E gardamos,
no máis secreto lugar do noso ser,
todas as imaxinadas lonxanías,
o degaro de irnos e quedar,
a voz escura e rouca das mareas,
un saibo a sal nos beizos murchos
e a sede mortal que ninguén mata.
No mar os sucos chámanse ronseis
e nós levamos século tras século
arando no mar teimosamente.

Versos do lume e do vagalume (1982)

Ningún comentario:

Publicar un comentario