domingo, 11 de decembro de 2016

Balada íntima

Estes meus beizos ardendo na mañá
a percurar a luz que acende o mundo
para iluminar estas pobres palabras
que gurgullan escuras no meu peito
como un torrón informe e amoroso
no que anceio sementar caladamente
a miña colleita de soños e de ensoños,
a que somentes a nós nos pertence.

[...] Este meu corazón, poldro salvaxe,
cervo que corre sen saber a ónde,
fontaíña senlleira e rumorosa,
latexo encadeado e cantador.
Este meu corazón, tan pequeniño,
pode converte a ti, que eres o mundo,
o universo enteiro, a vida toda,
a que somentes a nós nos pertence.

Tanto degaro iluminando estrelas,
tanto lume que me cega, tanto soño,
tanta cinza aínda quente, tanta
inseguridade e tanto medo, está
aos teus pés como unha oferenda,
a que somentes a nós nos pertence.

Contempla, amor meu, a nosa vida,
a que tecemos con días e renuncias,
a que fixemos a forza de tenrura,
a que somentes a nós nos pertence.

O libro das baladas (1978)

Ningún comentario:

Publicar un comentario